quinta-feira, 16 de fevereiro de 2017

Non atopo o meu lapis

Ir a blog en español ···>

Non atopo o meu lapis. ¿Non é lóxico que, se acepto a idea dun Deus Creador, solicite dil a actualización do meu sistema de búsquedas?

sábado, 4 de fevereiro de 2017

Ramón

Ir a blog en español ···>


El: "¿¿Cres en Deus…?? 
         Dime!! ¿¿cres en Deus??".
Eu: "Creo en tí, amigo meu"…

Entón apartou o coitelo da miña gorxa, baixou a testa e dixo con amargura:
"Antes, César, eu era coma ti…: normal...", e chorou desconsoladamente.

quinta-feira, 19 de novembro de 2015

Ósmose de ánimas xemelgas apreixada no círculo da ausencia

Ir a blog en español ···>


Tódolos días son onte, cando, sen présa, donos do tempo, debullabamos a ansiedade na ósmose da tarde ata dar coas palabras que encaixaran no proxecto común da conversa compartida, mentres os instantes se escurrían en ringleira entre as copas de licor serodio; cando non nos importaba gardar, tralos risos, as outras palabras, as incómodas, á espera dun intre propicio indefinido.

Pero hoxe... hoxe volve ser onte, e desenvolvo as palabras proscritas gardadas nun hatillo; coféoas e busco escoitalas unha vez e máis outra, isolado no círculo da imposibilidade e da evidencia, sumido na perplexidade da ausencia.

Hoxe é onte, sempre e pra sempre ha ser onte; e as palabras, onte impronunciadas, fican pra sempre apreixadas no hatillo dun tempo perdido, coma tesouros sen dono; ise é o merecido castigo que tento amainar co incerto pracer da nostalxia, no angostamento infindo da tarde.


sábado, 3 de outubro de 2015

Antón

Ir a blog en español ···>

Lector empedernido.
Librepensador honesto e valente, sen concesións.
Conversador culto e ecléctico, rápido e incisivo.
Creador.
Artesán habilidoso e enxeñoso, sen modestia innecesaria.
Cociñeiro imaxinativo e esixente gourmet, todo nun.
Debuxante situacional, se a ocasión e a compañía o merecían.
Sedutor nato sen ostentación.
Hospitalario, servicial e amigo dos seus amigos.

Defectos? quizais, pero non queda sitio.

·

Fotógrafo, guitarrista, escultor... Antón Gómez González podería ter sido unha figura pública en calquera destas disciplinas, se a propia idea de pretender selo non lle tivese parecido unha frivolidade. A súa obra plástica foi amosada en diversas exposicións baixo o seudónimo Antón Carballeira.

Deixounos o 12 de maio de 2015. O mundo, dende entón, é só un devir gris, unha espera.


domingo, 2 de dezembro de 2012

Evolución



Era lóxico que, chamándose "Prestige", alguén sacase inmediatamente o antónimo retranqueiro.
Pasa tamén cando dis: "Non por moito madrugar..." Sempre sai quen, desprezando ise momento de suspense, enche nuistante os puntos suspensivos.

E non se pode facer ren, trátase dunha carreira polo propio prestixio: a ver quen é o primeiro en dicir, ocupar o correspondente posto na pasarela e recibir o cobizado aplauso dos tertulianos.

Pero o desprestixio non sempre é tan áxil coma un antónimo previsibel, ás veces adoita aparecer a modiño, a medida que se afunde o inimigo.

domingo, 22 de julho de 2012

Falo só

Ir a blog en español ···>


Falo só. So falo.
Só falo so, só... so!
E na fiestra una flor, só, soa... anque xa non.

©esar

Nota: 
a actual (2012) normativa ortográfica do idioma galego non diferencia entre o "só" adverbio e o "só" adxectivo, por iste motivo decidín escribir o anterior poema recurrindo á normativa do español como única alternativa pra poder establecer o imprescindible xogo de palabras, é dicir: "só" adverbio, e "so" adxectivo.
________

Entrada rexistrada con certificado Safe Creative, publicada baixo licencia Creative Commons.
Pódela compartir. En caso de o facer, has de citar ó autor (César del Caño).
Non a podes empregar con fins comerciais. Non a podes modificar de ningún xeito.
Pra solicitar cualquera autorización adicional has de te pór en contacto co autor. 

terça-feira, 24 de abril de 2012

Caruso: afinación e respiración no canto

Ir a blog en español ···>


"Un cantante que posúa un senso perfecto da afinación e tódalas boas intencións posibles, a miúdo ha cantar desafinadamente e ha sacar un son sen ningunha vitalidade, desagradable de escoitar, simplemente por falla de control da respiración".

Enrico Caruso, Nova York 1909


Enrico Caruso (Nápoles 25 febreiro 1873 - 2 agosto 1921)

domingo, 22 de abril de 2012

Luisa Tetrazzini: No tocante á respiración no canto

Ir a blog en español ···>

"No tocante á respiración coido, como noutras cousas relativas ó canto, que a medida que un continúa e practica, por moito tempo que un leve cantando, constantemente lle xorden novas sorpresas. Pódeste ter acostumado durante anos a emitir unha determinada nota dun certo xeito, e dispois de moito tempo descobres que, por moi boa que sexa esta maneira, hai aínda outra millor".

Luisa Tetrazzini, Nova York 1909



Luisa Tetrazzini (Florencia, 29 xuño 1871 - Milán, 28 abril 1940) 

quarta-feira, 18 de abril de 2012

Bibliografía da voz

Ir a blog en español ···>


Cito a continuación unha serie de títulos relacionados co eido da técnica vocal, por se poidesen resultar de interese a estudantes de canto, actores, profesionais da voz en xeral, ou posibles persoas que simplemente sintan curiosidade por iste apaixoante mundo.

Ainda que se trata de obras que conozo de primeira man, xa que todas elas forman actualmente parte da miña biblioteca persoal, non ha de tomarse iste artigo como unha recomendación a cegas. Ó meu xeito de ver, a lectura diste tipo de libros débese realizar coa debida precaución: o que pra un alumno avanzado, dada a súa amplitude de criterio, pode constituír un importante complemento, podería chegar a converterse, en mans dun principiante, nun mecanismo xerador de conceptos erróneos, vicios e mesmo lesións irreversibles.

A voz é un recurso moi delicado; o seu estudo cómpre levalo a termo, sempre, baixo a supervisión dun experto. Según a miña humilde opinión, baseada en máis de trinta anos de estudo e dedicación a esta profesión, os libros deberíanse tomar como o que son: recomendacións e anotacións de experiencias adquiridas por estudosos do tema que en ningún caso poden substituír a un bo profesor.

Istes consellos parten da millor das intencións, que non é outra que previr ó principiante contra vendedores de fórmulas máxicas e ensinantes mercenarios, non sendo o meu desexo entrar en ningún tipo de polémica, xa que, en definitiva, cada un é dono da súa propia voz, tendo completa liberdade pra facer con ela o que considere máis oportuno.




Alexander, F. Matthias; Maisel, Edward 
La técnica Alexander : 
el sistema mundialmente conocido para la coordinación cuerpo-mente
Barcelona: Paidós Ibérica, 1995
272p. ISBN 10: 8449301378 / ISBN 13: 9788449301377

Alió, Myriam
Reflexiones sobre la voz
Barcelona: Clivis, 1983
221 p. ISBN: 84-85927-05-2

Bañó Llorca, Fernando
La antitécnica
Madrid: Alpuerto, 2001
255 p. ISBN: 84-381-0388-X

Caballé, Montserrat; Perelló Jorge; Guitart, Enrique
Canto-Dicción, Foniatría estética.
Parte de: Audiofonía y logopedia, vol. IV
2ª ed. Barcelona: Editorial científico-Médica, 1982
305 p. ISBN: 84-224-0636-5

Caruso, Enrico; Tetrazzini, Luisa
L’art de cantar
escritos publicados pola Metropolitan Company Publishers. Nova York, 1909
Alier, Roger (trad.)
Barcelona: Laertes, 1987
93 p. ISBN: 84-7612-043-5

Ferrer Serra, Joan S.
Teoría y práctica del canto
A. Ros Marbà (prol.)
Barcelona: Herder, 2001
213 p. ISBN: 84-254-2134-9

Kraus, Francisco
El canto y su técnica
Ensaio inédito cedido polo autor

Lips, Helmut
Iniciació a la tècnica vocal
4ª ed. Lleida: Orfeó Lleidatà, 1989
44 p. ISBN: 84-400-3561-6

Mena González, Ana de
Educación de la voz, Principios fundamentales de ortofonía
2ª ed. Málaga: Aljibe, 1996
163 p. ISBN: 84-87767-23-0

Miró i Claria, Mª del Àngels
Métode pràctic de cant
Barcelona: MF, 1989
191 p. ISBN: 84-86950-00-7

Riggs, Seth
Cantar como las estrellas
Porty (trad.)
Madrid: Nueva Carisch España, 2004
104 p. Adxunta 2 Cds

Rossi della Riva, Giusseppe
Aclaraciones sobre la escuela italiana del “Bel canto”.
Tres conferencias pronunciadas en la sala Ricordi en Buenos Aires.

Bos Aires: Ricordi, 1955
90 p. Sen ISBN

Torres, Begonya; Gimeno, Ferran
Bases anatòmiques de la veu
Barcelona: Proa, 1995
157 p. ISBN: 84-8256.051-4

Viñas, Francisco
El arte del canto
2ª ed. Barcelona: Casa del libro, 1963
388 p. Nº rex.: B.386-1963

Diccionari d’otorinolaringologia
Barcelona: Termcat, centre de terminologia, 2001
194 p. ISBN: 84-393-5559-9

quarta-feira, 11 de abril de 2012

As sensacións adquiridas intuitivamente

Ir a blog en español ···>

As sensacións corporais adquiridas intuitivamente funcionan só temporalmente. É importante localizalas e concretizalas, mesmo definilas verbalmente pra poder recuperalas e reconducilas durante os exercicios diarios; de non facelo así acabarán por mesturarse e confundirse con outras novas sensacións, e atoparémonos de novo en terreo descoñecido, xa que o noso corpo está en perpetuo cambio.

Cando, despois de sesións de traballo, consigamos descubrir unha nova sensación interior, durante os días vindeiros é importante non descoidar os exercicios periódicos pra intentar por tódolos medios fixala na memoria, aproveitando unha fantástica ocasión que quizais poderiamos tardar meses, ou mesmo anos, en volver atopar. 

O único xeito de perfecionar a técnica consiste en repetir reiteradamente os bos hábitos pra que deste xeito o noso cerebro os vaia incorporando como propios de maneira natural. A partir daquí habemos de estar abertos e abertas a posibles novas sensacións que iremos á súa vez concretizando e definindo, e mesmo incorporando á nosa base de hábitos consolidados, mediante a táboa diaria de exercicios, se así o consideramos oportuno.

quarta-feira, 28 de março de 2012

Juan

Ir a blog en español ···>

Juan é un poeta de sensacións, un pescador de verbas, só que pasen éstas ó alcance da súa antena... atenta: coller, pegar... coller, pegar... e, de cando en vez, só de cando en vez, unha idea concreta, ¡que pracer entón! nises intres un sinte a reconfortante compañía da autenticidade; pero logo, volve á súa teima, case esquizoide, da pesca literaria, alá na súa illa recóndita, nos límites do autismo; capitán da súa nao, tripulada por fantasmas, algúns, que só il ve; Quixote sen causa...

Juan é un tolo entre bambolinas, un soñador obstinado, solidamente anclado a un fondo marino de pura realidade; suxeito, como se nada, a un sutil fío de cometa.

Dalgún xeito consegue facer nacer flores no seu embigo, epicentro dise paraíso, que estende as súas fronteiras máis alá, moito máis alá, do que a vista alcanza, en busca de aire puro, tal vez á procura da luz que lle foi negada á primeira semente botada nesa terra erdada xa nos anos da penuria; unha semente tosca, quizais caída por casualidade nunha sórdida noite preñada de paixón acelerada, algo de alcohol e, tal vez, unha chisca de tenrura, regada por milleiros de ínfimas gotiñas de suor, arquexos de cansancio antigo e pracer prohibido; e poida que algún asomo de orgasmo inconfesable, poida que algún.

Cóntanos historias remotas, ecos que veñen do alén, invisibles frores que conseguen arraizar na vulgar cotidianidade dun foráneo campo de golf; e il, feliz, xesto impasible de sorriso retranqueiro, medio sinceiro medio burlón, pilota airoso a súa máquina cortacéspede, sorriso eiquí, saúdo alá, á conquista da súa liberdade, mantendo a raia un verde manto de herbas con pedigrí, xardín alleo; telón de fondo do seu caótico paraíso... mapoulas no lodo.

Pero, no medio desa especie de aséptico xardín asexuado, érguese, rosal incuestionable, a voz dun poeta.



Barcelona, 2004

sexta-feira, 23 de março de 2012

Un mínimo fío de luz dourada

Ir a blog en español ···>

Un mínimo fío de luz dourada do sol primeiro que se escurre pola físgoa das persianas a medio abrir, inunda de sutil grandeza a casa no seu soberbo silencio... Abonda pra min con esto; o resto do mundo abáfame.

terça-feira, 20 de março de 2012

Olor de gases do escape dun autobús

Ir a blog en español ···>

Olor de gases do escape dun autobús que arranca debaixo do meu balcón, ó amencer...
¡Que estraña é ás veces a nostalxia!

A esperanza retoña unha e outra vez

Ir a blog en español ···>

A esperanza retoña unha e outra vez como as herbas non desexadas. O seu único antídoto é o desengano en grandes doses.




Ver comentarios dos lectores a esta entrada no blog en español, poden resultar de interese. 
__________

domingo, 26 de fevereiro de 2012

sexta-feira, 23 de dezembro de 2011

Carta a Carmen · 1

Ir a blog en español ···>


Co tempo, a soidade foise reconvertindo pra min en aliada imprescindible, en punto de fuga, en única alternativa, en causa e consecuencia; ás veces burato negro, outras illa-fogar; pero en todo caso compañeira ineludible, matrimonio de conveniencia; berce dos dicires nunca verbalizados... (a non ser algunha verba orfa que se foi de súpeto nunha tarde amarela de chicharras, estoupando contra o teito antigo da nenez perdida; insospeitada e desubicada).

Pero as verbas orfas non fan morea. Xa se sabe que a tolemia só se pode parapetar detrás das verbas organizadas en ringleira, aínda que non digan ren, pero polo menos que pareza que o intentan, só pra manter entretidos ós curiosos. Mentres sexas capaz de manter as verbas en ringleira estás a salvo, coma un encantador de cobras. ¡Vaille ti explicar a unha cobra os segredos dunha escala pentatónica!  A ela tanto lle tén, de feito seguro que prefire mil veces abanearse indefinidamente ó son do punji ca escoitar unha soa verba do encantador. A erótica da tolemia, ou do discurso encriptado.

Por eso é que o desamparo anda sempre ás portas, intentando coquetear coa soidade; pero mentres manteñamos a nosa disciplina de encantadores, mesmo o propio desamparo ha quedar embobado abaneándose sen nin xiquera vernos.

Logo están os amigos, e as amigas, que entran e saen, que se asoman, que te tocan devagariño coas xemas dos dedos, co respecto con que se ha tratar a calquera ser ocupado en organizar as suas palabras esparexidas nun recuncho amarelo do silencio; cos amigos, intercambiamos tolemias coma se fosen cromos, porque con iles as verbas non teñen necesidade de se cuadrar, poden brincar e rir sen orde nin razón. Os amigos nin xiquera petan á porta, abonda con que traian unha verba orfa, ou un sorriso, ou un levísimo roce coa xema dun dedo.

__________

segunda-feira, 5 de setembro de 2011

Creto á "Filosofía popular"

 Ir a blog en español ···>

Coido que se acostuma a darlle excesivo creto á "Filosofía popular". Négome a someterme a esa cerrazón; prefiro camiñar no límite do risco, vivir na incertidume da excepción.

Reclamo o direito a equivocarme, a experimentar o xa experimentado. Cada un de nós constitúe un mundo en si mesmo. Todos e todas podemos e debemos re-inventar o cotián. Cuestionar, sen agresión, a norma.

A relaxación, un momento egoista

Ir a blog en español ···>

O da relaxación constitúe un momento egoista de aillamento absoluto e autoconservación, á marxe de todo o que estea pasando arredor de nós. Calquera tipo de consideración intelectual, ideolóxica, social, política... está completamente fóra de lugar nese intre.
A búsqueda da relaxación integral ha de basearse esencialmente en criterios físicos. É o equilibrio de todos e cada un dos minúsculos elementos corporais que interveñen na respiración o que nos ha levar ó sosego xeral que necesitan o corpo, a mente e o espírito pra posteriormente afrontar dun xeito mesurado calquera posible complexidade de orixe externa.

Pra combatir unha preocupación debemos evitar centrarnos na preocupación en si. Toda preocupación xera unha tensión fïsica interna no noso organismo, é ésta última a que debemos intentar visualizar e relaxar. De non facelo así, as tensións medrarán exponencialmente fóra do noso control, impedíndonos pensar con obxectividade.



NOTA: No blog en español hai comentarios a iste artigo que, coido, poden resultar tan interesantes coma o propio artigo. Na parte superior esquerda desta entrada tendes un vencello. Grazas de antemán a tódolos lectores.

domingo, 4 de setembro de 2011

Paciencia, atención e constancia nos exercicios

Ir a blog en español ···>

O efecto dos exercicios diarios de respiración e relaxación non se comezará a percibir ata pasados algúns meses, pero serán necesarios varios anos pra lograr unha fixación consolidada e un dominio das sensacións internas; e aínda entón será imprescindible manter o ritmo da periodicidade pra non perder a consciencia adquirida, e continuar a perfeccionar a técnica.

Pero esto non debe desanimarnos. En realidade trátase dunha disciplina máis; a medida que unha serie de hábitos se vaian instalando en nós, o noso corpo irase adaptando docilmente, de xeito natural e progresivo, a ese novo funcionamento. Simplemente convén non esquecer que diariamente xorden axentes externos que inciden negativamente no noso equilibrio interior, trátase de intentar non baixar a garda.

sexta-feira, 29 de julho de 2011

Héctor

Ir a blog en español ···>

·
Por César del Caño
·

Héctor ensinábame a súa foto con Sinatra, cuando era campión dos Lixeiros, antes de acabar como besta de carga no mercado de abastos.

A Héctor quitouno da rúa a Señora Petra. Apartou dil a botella, enfrontouse con valentía ó seu mal xenio, lavouno e alimentouno; reuníu os anacos de autoestima esparexidos polo asfalto, fixo con iles un amasillo e volveunos pór no seu sitio primitivo, á carón do corazón daquil desfeito humano que tempo atrás tiña voado na nube da gloria e o diñeiro sen límites.

Que foi o que viu nil aquela bondadosa muller, minúscula e de ollada viva, non é fácil de comprender pra os que vivimos á marxe da realidade, distraídos en espellismos mediáticos e mentiras de políticos corruptos. 
- "Es que tenía unos ojillos... tan tristes...!", respondíame, mentres ollaba a Héctor con tenrura e amor inmensos; coma se do seu propio fillo se tratase.
- "¡La mía mama!", balbucía il con agradecimento, nunha estraña mestura de español e brasileiro que loitaba por se abrir paso a través daquel nariz machucado, mentres a abrazaba ata estrullala entre os seus poderosos brazos.



(Historia inacabada)

A arte máis fermosa...

Ir a blog en español ···>

A arte máis fermosa pode habitar no ser máis despreciábel. Veleí a súa independencia, lonxe de todo criterio obxectivo.
©esardelcano

quinta-feira, 28 de julho de 2011

quinta-feira, 21 de julho de 2011

Caso real 2

Ir a blog en español ···>

Conversa telefónica cunha empregada de Iberia:

- "No puede usted llevar un cortaúñas en el avión, es un arma potencial".
- "Pero llevo una guitarra, que también es un arma potencial; imagínese usted que se la meto a alguien en la boca...!".
- "Sí, pero la guitarra paga un asiento aparte".
- "Bueno, si usted quiere compro otro asiento para el cortaúñas, así podría obtener la condición de objeto-no-peligroso y viajar sentado con toda dignidad".
- ...

Caso real 1

Ir a blog en español ···>

Conversa cunha axente de policía no control de entrada do aeroporto de El Prat (Barcelona):

- "Qué es esto?"
- "Una cabecilla de butano"
- " SEGURIDAD!! ... SEGURIDAAAAD!!! ... "
   "Si?"
   "Este señor, que... "
- "Es una cabecilla de butano... SIN bombona... Me la llevo para el pueblo, que aquí me sobra"
- "Ande, pase!"

segunda-feira, 18 de julho de 2011

A auténtica historia, o verdadeiro guion...

 Ir a blog en español ···>

A auténtica historia, o verdadeiro guion, non está nos realities nin nas peluquerías unisex, senón a pé de rúa, no mercado de abastos e detrás de cada porta. ©esardelcano

quinta-feira, 14 de julho de 2011

Non importa o tempo, nin o método...

Ir a blog en español ···>


Non importa o tempo, nin o método empregado, nin xiquera o que che custou conseguilo; na técnica de canto o que conta é o obxectivo alcanzado. ©esardelcano

A respiración durante o canto (I)

Ver este artículo en español  ···>

·
por César del Caño
·

A respiración (inspiración) durante o canto, se a pasaxe o permite, dende o meu punto de vista deberíase realizar polo nariz, co queixo (barbela) absolutamente mórbido, mentres a parte posterior da lingua tapona con suavidade a entrada da cavidade farínxea.

Evidentemente valoro e respecto na súa medida os métodos das inspiracións nasal (con boca pechada) e bucal (con boca aberta).

No relativo á primeira, a inspiración nasal, posúe ó seu favor o feito de que nos predispón para unha toma de consciencia dos resoadores paranasais; pero, ó meu modo de ver ten o inconveniente de contribuír ó tensionamento da mandíbula xusto no intre preciso que deberiamos aproveitar pra preparar a relaxación de todo o seu entramado muscular.

Polo que respecta á segunda, a inspiración bucal, posúe a vantaxe da súa rapidez e capacidade de conseguir máis cantidade de aire nun curto espazo de tempo; pero, na miña opinión, este tipo de inspiración vai contra natura; explícome: o laboratorio que filtra o aire, privándoo do posible frío exterior, po e potenciais axentes nocivos, atópase no nariz; é por esto que considero que a realización da inspiración bucal de xeito reiterado expón ó noso aparello respiratorio a un perigo real que os profesionais do canto non nos podemos permitir.

No que se refire a este punto hai tantas teorías como profesores. Non é a miña vontade debatir ni rebatir, a única intención do anteriormente exposto é intentar axudar ó principiante, convencido da súa efectividade contrastada en base a horas e horas de estudio metódico. En todo caso ha ser o propio alumno quen, despois dun traballo pormenorizado baixo vixilancia, valore a viabilidade do recurso.

Durante o proceso do canto...

Ver este artículo en español···>


Durante o proceso do canto, a sensación de relaxación do diafragma, á altura da boca do estómago, debe ser constante e absoluta, constituíndo o epicentro no que se sustentarán o equilibrio sostido e o desbloqueo xeral do corpo.
O diafragma é só un músculo inspirador; durante a expiración ha de manterse relaxado por completo.
Unicamente a realización metódica diaria de exercicios respiratorios axeitados proporcionaranos co tempo esta consciencia. ©esardelcano

terça-feira, 12 de julho de 2011

Eu coido que adoita confundirse...

Ir a blog en español ···>

Eu coido que adoita confundirse o concepto "ter moito mundo", co feito de ter moito aeroporto, pero non é o mesmo, nin de lonxe. ©esardelcano #frases

Un día ouvinlle dicir a un director...

Ir a blog en español ···>

Un día ouvinlle dicir a un director de coro que "o control do aire no ten importancia pra o canto".
Non, non o invento; e mesmo tiña unha pequena tribo de afoutadores.

Boooummm!!

Boooummm!!
Un petardo aillado na noite da cidade silandeira parace cousa importante, pero no fondo é só a prosa dunha soidade sen saída. #sanxoan

Os fortes adoitamos...

Os fortes adoitamos caer en voo solitario, lento e silandeiro; gozando a música da derrota sen rancor. ©esar

Ángel

Ir a blog en español ···>

Ángel levaba un estetoscopio no bolsillo da súa chaqueta, unha libreta de muelle espiral con estraños e imposibles pentagramas, e unha batuta; dirixía a cantantes da rúa, con prosopopea e arrogancia non exenta de certa condescendencia patriarcal. ©esardelcano


(Historia inacabada)

Repito, sen sabelo, pensamentos...

Ir a blog en español ···>

Repito, sen sabelo, pensamentos xa ditos; e permito que a inconsciencia da miña propia ignorancia alimente a miña vaidade. ©esardelcano #pensamentos

Alborexa; o movemento invade...

Ir a blog en español ···>

Alborexa; o movemento invade o meu refuxio de néboa.
©esardelcano

Amence, e nise intre...

Ir a blog en español ···>

Amence, e nise intre sen dono, o presente, é.
©esardelcano

A choiva... esa nena...

Ir a blog en español ···>

A choiva... esa nena que esvara as bágoas da súa propia soidade! ©esardelcano

Eu son Jean-Baptiste Grenouille...

Ir a blog en español ···>

Eu son Jean-Baptiste Grenouille, agochado na súa cova da montaña; indeciso entre a arte ou a claudicación final. ©esardelcano

O concepto "cantar de diafragma"...

Ir a blog en español ···>

O concepto "Cantar de diafragma" é erróneo. Unicamente os abdominais, intercostais e lumbares deben ser os encargados de manter o control do fiato. O diafragma é tan só un músculo inspirador.
©esardelcano

O aplauso constitúe un fin...

Ir a blog en español ···>

O aplauso constitúe un fin en si mesmo; incluso existen premios outorgados en base ó número de aplausos recibidos. ©esar #pensamentos

domingo, 10 de julho de 2011

Un 'Beatle' en Barcelona

Ir a blog en español ···>

·
Por César del Caño
Vieiros (03/12/2006)
·

O pasado día 23 dirixinme ó Palau núm. 1, da Fira de Barcelona en Montjuïc, no que se estaba a celebrar o II Saló del Llibre de Barcelona. Xunto coa entrada, asequible onde as haxa (2 €), recibo dous libretos, un coa relación de expositores e o outro coa axenda de actividades. Folleando o primeiro, decátome de que hai un stand do Consello da Cultura Galega, polo que me dirixo cara a alí, de paso vou lendo a axenda de actividades do día: non teño moitas opcións, pois son xa as 19.10 h. e o peche das portas está previsto para as 20.30, pero de súpeto chámame a atención un acto en concreto: "Literatura Beatles", "Conferencia-coloquio a cargo de Jordi Tardá e Pete Best, primeiro batería dos Beatles. Concerto coa Pete Best Band."... Comeza en 15 minutos..., valoro uns instantes as dúas opcións, e por fin decídome sen ningún xénero de dúbidas: Santiago sempre estará á man, en cambio Liverpool... Confío en que o señor Ramón Villares saiba dEsculpar tamaña irreverencia. 

Os organizadores teñen acondicionada ó efecto unha esquina do pazo, un espazo pechado de xeito provisorio ó que nomearon Teatre Bertolt Brecht. Entro e collo un asento nas derradeiras filas de cadeiras. Sorpréndeme a reducida concorrencia (unhas cen persoas) se temos en conta a envergadura que tiveron e seguen a ter os Fab Four. Hai xente absolutamente de tódalas idades e castes, e pouco a pouco vaise desenvolvendo un ambiente xeral que poderiamos definir como de "bo rollo"; a conversa xorde de xeito espontáneo, aínda entre persoas e grupos que non se coñecen de antes. A pesar de que os fans dos Beatles cóntanse por millóns, todos cremos compartir algo moi especial.

Permanecemos á espera uns minutos, ata que, con puntualidade británica, van entrando no escenario unha serie de persoas: primeiro unha a quen identifico inmediatamente, trátase de Jordi Tardà, locutor, coleccionista, promotor artístico, e coordinador do acto; ven seguido doutra a quen non coñezo (logo infórmannos de que se trata dun experto no tema). Mentres van aparecendo, as cabezas do público móvense frenéticas dun lado a outro, estirando os pescozos, outeando para non se perder detalle... Fugaces bisbares: "és aquest?", "no", "quin és?", "calla!"... O terceiro persoeiro faise esperar uns segundos, ata que... aí o temos!... a pesar dos anos, o pelo branco e unha amenaza de calvicie, non resulta difícil recoñecer ó mito. Moi alto, encollido sobre si mesmo, un medio sorriso como cansado, ollada de esguello, e un característico leve balanceo simiesco que as sobadas fotos non puideron plasmar.

Séntase á carón do anfitrión e crava os cóbados nas pernas, nunha postura que poucas veces vai cambiar ó longo do coloquio. Leva unha botella de auga na man, érguea cara a ó público iniciando un breve brinde, acompañado dun xesto de testa, pero ninguén responde; dende o momento en que apareceu non se ouven máis que as lonxanas voces abovedadas do salón do libro, e aínda máis lonxe, o balbordo da cidade; parece que ninguén respire...

É un momento máxico. Temos ante nós nada menos que a aquel que, por decisión allea, sen dereito a réplica e nin tan sequera "unha pequena axuda dos seus amigos", ficou cravado ás mesmísimas portas da gloria, etiquetado como "o gran perdedor". Para sempre.

Nese intre pasei da compaixón ó respecto. Respecto polo home; por ter o valor de se botar a súa historia as costas, presentarse ante nós, insaciables coleccionistas de espantallos, e satisfacer o noso morbo contando unha e outra vez a súa desgraciada historia: que foi o primeiro batería dos Beatles, entre 1960 e 1962, e que xusto antes de que a beatlemanía caese coma un manto sobre o mundo mundial, un inesperado xiro do destino decretou que o cuponazo non sería para el senón para Ringo Starr.

Jordi Tardà rompe o espeso silencio coas primeiras verbas de apertura e presentación, dando paso seguidamente a quenda de intervencións que han configurar o anunciado coloquio, facendo as veces de tradutor.

A primeira pregunta que sae do público refírese á súa valoración sobre influencia que exerceu o produtor George Martin sobre o grupo. A este respecto Best non engade ren que os afeccionados non saibamos xa: que era un home, dende o punto de vista musical, cuns conceptos moi claros, etc.

A pesar de que, por respecto, reprimo o instinto morboso de lle facer as preguntas fatídicas, non todos os asistentes están dispostos a perder a viaxe, así que a primeira delas acaba por se ouvir:

- P/ "Como dixeriu que os Beatles prescindisen de vostede?". (Quen é capaz de formular unha pregunta así, ou é un despiadado ou simplemente é que non dá máis).

Pete Best, baixa canso a testa, inicia un levísimo sorriso, e por fin responde xenerosamente:
- R/ "Ó principio foi moi duro, pero co tempo todo se vai suavizando".
Unha vez chegados a este terreo, as seguintes preguntas precipítanse soas, encadeadas... previsibles:

- P/ "Cal foi a razón?".

- R/ "Esa é a pregunta que máis veces me teñen feito", di. Polo visto quen lle comunicou a noticia foi o mánager, Brian Epstein, a quen seica lle custou moito atopar as verbas axeitadas. -"Un día, despois de tocar en The Cavern" explica, "chamoume á súa oficina e díxome que os outros queríanme fóra da banda; que iso era todo. A razón que me deu foi que Ringo era mellor batería". Dito isto último, apoia os cóbados nas pernas ollando ó chan, queda uns instantes calado nesa postura, logo ladea a testa arqueando unha cella nun xesto moi característico seu e asegura: "that isn't truth" ("iso non é certo"), e aínda o repite unha segunda vegada baixando un pouco a voz.

- P/ "Cal foi entón a auténtica razón?"

Elude contestar. Di que está xa canso de dar respostas que nin el mesmo coñece, que a día de hoxe todo aquilo carece de importancia, e que o mellor é que nos concentremos na actualidade, no concerto que a Pete Best Band vai dar a continuación.

Sobre este espiñoso tema, son varias as razóns que todos eles teñen dado, dependendo de a quen se lle pregunte, polo que, parece lóxico deducir que, como en case todo na vida, non hai unha única causa senón varias.

A versión máis estendida, quizais porque o mesmo Pete, a pesar da aparente prudencia exhibida durante o coloquio, se encargou de repetila ata a saciedade, refírese a os supostos celos que os demais sentían, debido a que el era o favorito das fans.

Díxose tamén que Pete non acabou nunca de encaixar no grupo, que era de mente máis lenta ca os outros, menos ambicioso, menos estudante. Que, ó contrario dos demais, nunca tivo o convencemento de que aquilo ía realmente en serio. Que estaba máis pola labor de alternar e relacionarse ca pola da arte en si.

Ademais, segundo as súas propias palabras (La Vanguardia, 22/11/06), parece ser que, debido á súa afección a xolda e ás mulleres, a miúdo adoitaba faltar a ensaios e concertos. Debido a isto, en numerosas ocasións houbo de ser substituído polo mesmo Ringo.

Outra das causas que se teñen barallado é a de que ó produtor, George Martin, non lle gustaba o seu xeito de tocar. Este parece ser o detonante máis directo, de feito, segundo a versión de MacCartney e Lennon, a cadea de acontecementos foi a seguinte: Martin comunicoulle ós Beatles (á marxe de Pete) a súa intención de cambiar de baterista, insistindo ata convencelos, e estes, por evitar unha confrontación desagradable con Best, encargáronlle a papeleta ó mánager, Brian Epstein.

Se a todo o anterior lle engadimos certo ar de autosuficiencia e mesmo un lixeiro toque de farfallanería simpática, que se percibe despois de observar in situ a Pete Best (o seu xeito de expresarse, suxerir sen dicir, moverse, tocar, etc.). Se mesturamos todo iso, axitamos e aderezamos cunha pinga de adolescencia, coido que habería saír un cóctel do que poder deducir con bastante fidelidade o ambiente e as circunstancias nas que aconteceron os feitos.

En calquera caso, segundo verbas de Lennon, "ó principio non supuxo ningún trauma especial para Pete; foi co paso do tempo que todo se magnificou", a raíz da grande proxección do cuarteto. Se as cousas houbesen sucedido ó revés, é dicir, se fose Best quen tivese acadado o éxito pola súa banda, e os Beatles se houbesen quedado no intento, é máis que probable que el mesmo lles tivese dado as grazas por telo expulsado.

- P/ "Volveu vostede ter contacto cos Beatles despois daquelo?"

- R/ "Cando lanzaron Anthology pedíronme colaborar, pero dende entón non os volvín ver. Xa non queda ren de qué falar con eles"

Ós dereitos millonarios pola edición de Anthology, nos seus formatos CD e mais libro, cómpre engadir os ingresos polo DVD Pete Best of The Beatles (2005), editado por el mesmo, e polos libros The Beatles, The True Beginnings (2002), escrito xunto con seus irmáns Roag e Rory, e mais The Best years of the Beatles (1999) co-escrito por Pete e mailo xornalista Bill Harry.

Por outra banda, o Casbah Coffee Club situado nun soto do West Derby de Liverpool, onde os Beatles, aínda co nome The Quarrymen (aínda que ás veces, fóra de Liverpool, adoitaban cambiar de nome), deron os seus primeirísimos concertos, recibiu o Grao II na recomendación de conservación de sitios históricos da English Heritage (Herdanza Británica). A designación implica que o local, hoxe único na súa especie, aínda cos seus equipos e pezas de arte orixinais, é de "arquitectura especial e interese histórico" e non pode ser derrubado. O club fora creado no seu momento por Mona Best, nai de Pete, no soto da súa casa de estilo vitoriano, polo que el é o actual propietario.

Así que, a fin de contas, parece que Pete Best ten máis motivos para estar agradecido ós Beatles que non ó contrario.

Formúlanlle diversas preguntas máis de tipo técnico que teñen que ver coa marca de instrumento empregado por este ou aquel en tal ou cal concerto; outras referentes a algunha que outra anécdota, en concreto a famosa que se conta sobre o feito de teren sido deportados de Hamburgo por teren eles queimado un condón á porta da sala na que tocaban. Sobre esta última asegura que todo é absolutamente certo.

- P/ "Na xira por Australia do ano 1964, Ringo Starr foi substituído por Jimmy Nichols, a causa dunha enfermidade. Por que non o chamaron a vostede, tendo en conta que era quen mellor coñecía o repertorio do grupo, e quen mellor se podía adaptar ó xeito de tocar de Ringo?"

- R/ "Quizais porque o que querían en realidade era alguén que tocase coma Ringo, non mellor". Risas e aplausos.

Pasada media hora de coloquio e, de xeito repentino, dáse este por rematado. Jordi Tardà pídenos un pouco de paciencia, que en breve ha comezar o concerto.

Fannos agardar durante media hora e ás 20:30 exactamente saen os membros da banda. A formación consta de seis integrantes: guitarra solista, guitarra rítmica, baixo, voz solista e dúas baterías: unha delas tocada polo propio Pete, e a outra polo seu irmán e mánager, Roag, quen forma parte do grupo por cumprir un desexo expreso de súa nai, Mona.

As bases (percusións e baixo) están representadas por antigos músicos do Liverpool dos 60, é dicir que "estiveron alí", e o resto (guitarras e cantante) son de nova xeración, todos eles bos cantantes que van intervindo unhas veces como solistas, e outras como coro.

Pete anúncianos o concerto como "unha viaxe no tempo cara ó xenuíno son do Liverpool de comezos dos 60". E así é. O seu repertorio está integrado por aquelas cancións que constituíran o repertorio habitual dos Silver Beatles, durante a época na que el era aínda o seu batería. Deste xeito, como sacadas do fondo dun baúl, van soando: Roll over Beethoven, Rock'n'roll music, Twist & Shout, One After 909, Bésame mucho (co seu curioso e característico "Cha-cha-pum")... Tamén soa, como non podía ser doutro xeito, My bonnie (a primeira canción gravada polos Beatles, como grupo acompañante do cantante Tony Sheridan, en 1960), momento no que tódolos asistentes, convidados polo cantante do grupo, nos erguemos case que nun acto reverencial, para participar na interpretación, que realizamos co seu cambio de ritmo orixinal (comezando como vals lento para continuar cun frenético twist).

Tal e como xa nos tiña avisado Pete, a banda recupera a vella filosofía harmónica que, entre moitas outras características, diferenciou ós Beatles por enriba do que se estaba a facer naquel intre, é dicir: interpretacións a trío, unhas veces, e solista cun colchón coral de tres voces, outras.

En xeral, a Pete Best Band, é un grupo cun potentísimo directo, formado por músicos que se agarran ó escenario cunha solvencia, seriedade e entrega anovadas que reclaman dende os primeiros acordes o respecto de todos; so así é posible facer saltar dos seus asentos, a golpe de manidas pezas de museo, a un público, a metade do cal comeza xa a ter dificultades para se recuperar deste tipo de atrevementos nocturnos.

Ó fío da, inevitable, comparación artística de Pete Best con Ringo Starr, e aproveitando o privilexio de podelo escoitar en directo; aínda aceptando, en parte, as limitacións que se lle teñen achacado a Starr, coido que Best carece da unidade de estilo, o equilibrio e o sólido ritmo daquel. Por outra banda, abusa en exceso dos pratos, chegando por momentos a saturar o ouvido. Por non falar da súa actitude autosuficiente e distante do evento artístico e a súa falta de entrega, que contrasta coa forza irresistible do resto da banda.

En tres ocasións, exercendo o seu papel de "reliquia", érguese da batería para dirixir unhas verbas ó público. As dúas primeiras veces que o fai agradécese, xa que, por causa da ineficacia do técnico de son (ignoro se posto pola organización), os nosos ouvidos sofren os efectos dunha sonorización estridente e descompensada. En cambio, cara á metade do concerto, parece que por fin logra dar co significado das verbas Channel e Level, e aquelo comeza a soar de certo.

Pero xusto cando todos nos esquecemos xa do protagonista e comezamos a desfrutar do espectáculo, Pete volta a se erguer para realizar unha terceira disertación, o cal frea o ritmo do espectáculo. Este momento é aproveitado por Tardà para lle facer entrega dun agasallo con velas incluídas, xa que, ¡donas e cabaleiros, Pete Best, diante dos nosos ollos, cumpre 65 anos! Apagado de velas cun único sopro, apertas e aplausos. O concerto continúa de xeito brillante, sen interrupcións, ata a apoteose final, na que ninguén fica sentado nin quedo.

A cola para os autógrafos e fotos non se fai esperar. De súpeto, non sei como nin de onde, comezan a aparecer vellas fundas de históricos vinilos inatopables que os seus propietarios esgrimen como tesouros protexidos con esmero, para seren só profanadas pola sinatura do mito saído das tebras.

Eu so teño o programa da Feira do Libro. Non me parece digno dun Beatle, nin propio de alguén que, coma min, pretenda dar unha imaxe de tipo comprometido, alonxado das frivolidades do mundo. Así que opto por marchar. Acaso non abonda con ter visto ós Beatles por 2 €?.

Con todo, coido que non houbese estado de máis ter levado unha cámara...

Fontes:
- The Beatles, Guía completa de canciones. W. J. Dowlding. Celeste. Madrid, 1995
- The Beatles, Antología. The Beatles. Ediciones B. Barcelona, 2000
- Los Beatles. Alain Dister. Ediciones Júcar "Los Juglares". Madrid, 1972
- The Beatles, complete scores. Hal Leonard Corporation. USA, 1993
- El primer batería de los Beatles afirma... La Vanguardia digital, 22/11/2006.
- John Lennon, o perfil do héroe melancólico. Camilo Franco. La Voz de Galicia, 9/12/2005.
- The Beatles. Wikipedia, la Enciclopedia Libre.
- http://www.visitliverpool.com/ . Mersey Partnership.



Publicacións anteriores diste artigo:
· Vieiros (03/12/2006)



_________________________
Tags:

César del Caño, Catalunya, Cataluña, música, Beatles, Pete Best Band, Fira de Barcelona, Jordi Tardà

Farinelli no contexto da caída do Barroco

·
Por César del Caño
·


   Vívese a comezos do S. XVIII unha época de grandes cambios, e os axentes imprescindibles que posibilitan en España a transformación dos estilos, toman corpo simbólico coa familia de Felipe V e as súas donas italianas.
Musicalmente falando, a influencia italianizante das raíñas extende en España as maneiras típicas do estilo operístico.
A ópera experimenta o seu esplendor en todo Europa. Nunca foron compostas tantas óperas, nin foi a arte operística obxecto de tan fortes discusións. Tamén foi a época dourada dos cantantes, ante todo dos castrati. Caffarelli, Senesino, Ranuzzini, e outros eran venerados pola clase alta. Foron as grandes estrelas do século XVIII. Pero, entre todos eles, o que se pode considerar o Rei, o Paganini da arte do canto, foi Farinelli. Arruinou a Händel en Londres, xa que pertenceu a un grupo de ópera rival.

   É a época na que se crea a intendencia de Galicia  no contexto da nova política administrativa implantada polos Borbóns, que a través da figura do Comisario Rexio ou Intendente coloca baixo a supervisión directa do rei un amplo abano de materias que van dende o control militar, pasando polo reparto dos tributos e percepción das rendas reais, deica o mesmo control policial e censal.

   Neste contexto chega á corte de Madrid, Carlo Broschi, máis coñecido por Farinelli, chamado por Isabel de Farnesio, segunda dona do rei, e precedido polo eco dos seus triunfos en Londres.
Corre o verán do ano 1737. A chegada do gran castrado provoca non poucos líos na vida artística de media Europa; empezando polos empresarios ingleses cos que Farinelli tiña compromisos e que poñen o berro no ceo ó ver que o negocio se lles vén abaixo. Pero Felipe, que tolea polos malabarismos vocais do artista, sábeo reter con tantos agasallos en metálico, ouro moído, brillantes, reloxos, cabalos, carrozas, apousentos e todo o que un rei podía ofrecer ós seus favoritos, que Farinelli agárrase á cadeira real coma unha donicela e fica definitivamente en Madrid.

   É o intre no que a ilustración en Galicia acada o seu gran apoxeo con Frei Benito Feijoo, e sobre todo co P. Sarmiento, gran erudito, defensor do idioma galego e precursor do futuro galeguismo.
No que se refire á música galega, ésta redúcese ás composicións dos mestres de capela das catedrais (José de Baquedano, Diego Muelas, etc.) carecendo a música profana de nomes propios que avalen unha producción melódico-harmónica seria, sobre todo por mor da falla de núcleos urbáns de importancia. Non así na corte de Madrid onde viviron e traballaron músicos da talla de D. Escarlatti, L. Bocherini e outros.

Carlo Broschi (Farinelli)
Litografía de J.Wagner,
segundo un cadro
 de Jacopo Amiconi.
    Morto Felipe V, o seu fillo Fernando VI herda as súas taras mentais e os seus gostos filarmónicos. Sábese que Farinelli foi mesmo amigo e conselleiro seu. Cada noite tranquilizaba o insomnio e as depresións reais co seu esquisito canto. Cumpriu unha auténtica función de terapeuta musical.

   Sobre a figura deste histórico cantante cóntanse centos de anécdotas. A súa sona tiña acadado o cumio do éxito deica tal ponto que o decir da época expresábase nunha frase moi popular: “Non hai máis ca un deus e un Farinelli”. Os meirandes mestres do Bel Canto téñeno citado nos seus libros como exemplo de virtudes non só canoras senón persoais. En Inglaterra a devoción do público polo seu ídolo acadou proporcións incribles. Á saída dos teatros a xente esmagábase por podelo ver de cerca. O gran Giambattista Mancini, tamén célebre cantante e contemporáneo seu, fálanos del do seguinte xeito:
   “A súa voz era perfecta, cálida, sonora, rica en extensión, de timbre docísimo en tódolos rexistros, non se ouviu xamais cousa semellante. Estivo dotado de natural inspiración, ordeada con tanta sabenza que se percibían no seu canto cousas peregrinas e tan particulares que non deixaban eido a que ninguén as poidese imitar. A arte de saber conservar e rete-lo alento con pureza suma, sen que ninguén o notara, principiou e rematou con el. A entoación, o xeito de modular e reforza-la voz, a unión dos rexistros, a axilidade sorprendente, os seus trinos perfectísimos en seis modos distintos, foron cualidades nel de equilibrio e igualdade tales que ningunha deixou de acada-lo grao de sublime. A pesar dos seus memorables triunfos, este magno cantor non deixou nunca de estudiar”.

   Cando sobe ó trono Carlos III, opéranse no país unha serie de reformas (peche de tódolos teatros, reforma de Esquilache, etc.), e parece ser que Isabel, nai do rei, despide a Farinelli resentida por se ter pasado éste ó bando do seu fillastro, o anterior monarca Fernando VI.
Neste momento, 1760, a ola afrancesada invádeo todo, así que Farinelli, cargado de riquezas acumuladas durante vintetrés anos, retírase a Bologna onde, a dicir dalgúns, se fixo construír un suntuoso palacete no que morrería  no 1782.

   Neste mesmo ano morre o mestre de capela da catedral de Santiago, Buono Chiodi, tamén italiano, solicitando a vacante Melchor López, gran renovador da capela de música que reorienta esta dun barroco serodio cara un clasicismo pleno.




Publicacións anteriores diste artigo:
· Revista Alborada (CGB), xullo 1995
· Páxina web Galicia Espallada

sábado, 9 de julho de 2011

Círculos (relato)

Ir a blog en español ···>

Obra gañadora do
VII Certame Literario S. Xurxo, e do
V Certame de narrativa Castelao
(CGB)

·
Por César del Caño
·



   Empapado en suor, emerxín violentamente do que semellaba ter sido un arrepiante soño, e atopeime semi-incorporado nunha das numerosas camas dunha grande habitación de hospital. Dispostas estas en dúas ringleiras, permitían un longo pasillo central que remataba nunha outa porta de dúas follas, moi aló ó fondo.
As paredes, coa súa branquísima frialdade, soportaban un outo teito alumeado por infinidade de focos de luz indirecta, semellando unha gran pantalla que bañase o salón coa súa ferinte brancura. As camas coa súa branca soidade... Branco... branco... incluso o pixama que me puxeran era branco. ¿E as miñas mans?... Non, as miñas mans conservaban a súa cor semitostada; respirei aliviado.
¡O pixama que me puxeran!, pero ¿quen?...
-“¿¡Quen!?”, Berrei esta verba, que resoou no salón cun estrépito desusado, e que pareceu saír de detrás de min, como se tivese sido pronunciada por outra persoa situada ás miñas costas. Iba xa xirar a testa, cando descubrín algo no que ata ise intre no tiña reparado: baixo a saba da cama de enfronte, do outro lado do pasillo, distinguín claramente un bulto que pareceu moverse no momento de se producir o meu estraño berro.
-“¿Quen hai eí?”, dixen. E de novo a miña voz pareceu soar á miña espalda. Unha vez máis iba tentar xirar a testa, cando o bulto comezou a se mover, xa sen lugar a dúbidas, estirándose na cama, á vez que emitía certos sons guturais . Pouco e pouco o bulto foise zafando da saba que o cubría, ata quedar incorporado no seu leito, do mesmo xeito ca min no meu. E... de súpeto, o terror apoderouse de min: o que estaba sentado naquel leito... ¡¡era eu mesmo!!.
O seu sobresalto non foi inferior ó meu: os seus allos pareceron saírselle das órbitas cando tomou consciencia da miña presencia; logo comezou a inspeccionar a estancia coa mirada, ateigada dunha felina expresión de alarma, retornando cara min os seus ollos, de xeito intermitente, coma quen non quer perder de vista a un inimigo perigoso. De novo recuperou a sús postura inicial, cravando definitivamente en min a sua ollada escrutadora, ó tempo que se ouviu, ó fondo, un feble renxido, producido pola porta ó se abrir.
Xírámonos os dous a un tempo, para ver entrar a una parella que pechaba ahora a porta tras de si, acompañada do seu renxido característico, esta vez invertido. ¿Doctor e enfermeira?. O son dos seus pasos avanzando cara a nós, resoaba nas outas paredes cun acompasado taconeo que foi incrementando o seu volume a medida que se facían máis perceptibles os seus rostros, deixando de soar no intre que se detiñan fronte ó meu leito.
-“Vexo que xa espertou, meu querido amigo”. Dixo el, animosamente, lucindo un sorriso de satisfacción. “¿Canto fai desto?”.
-“Uns vinte minutos”, respostei. “Escoite!, ¿onde estou?” A voz volveu soar detrás de min.
-“Anote a hora, enfermeira”, ordenou el, sin facer caso da miña pregunta.
-“Si, doctor. Comprobarei o ritmo cardíaco e o nivel de glucosa”.
-“Por favor, acabo de lle facer unha pregunta”, apremiei de xeito contido, reprimindo no posible a tensión que me invadía interiormente.
-“Todo ó su debido tempo. De momento unicamente lle convén saber que foi vostede internado a causa dun... lamentable accidente, no cal perdeu un dos seus membros vitais, e que neste intre, o devandito membro, atópase en mans de científicos de toda solvencia profesional, que están a levar a termo un traballo de restauración que ha ser considerado como histórico no eido da futura traumatoloxía”.
-“¿Un membro?” Comecei a me apalpar todo o corpo, chegando mesmo a retirar o resto da saba, deixando ó descuberto os meus pés. “¿Cal?”.
O doctor gardou un brevísimo instante de silencio, como preparándose pra dicir algo realmente importante, ata que, por fin, non sen certo orgullo solemne, dixo:
-“A súa testa, amigo meu”.
As miñas mans dirixíronse lenta e temblorosamente cara o seu obxectivo, de xeito automático, e tocáronse palma con palma no lugar no que debera ter estado a miña testa. ¡¡Non estaba!!.
-“Estou maxinando a súa cara, amigo meu, pero non sufra, no hai posibilidade alguna de erro no  traballo dos nosos científicos”.
Pousei as mans sobre o meu pescozo seccionado, e notei algo así como infinidade de numerosas e finas mangueiras que partían del... ¿cara onde?. Sen deixar de asir o meu novo achádego, xirei a vista á miña espalda...
-“O seu cerebro atópase ó final de todeses conductos que parten do seu pescozo, no interior da computadora. Tivo que ser extraído da súa protección craneal por razóns de seguridade. Debido a algún tipo de incompatibilidade que aínda non logramos determinar, os seus recordos atópanse neste intre ocultos á súa capacidade de percepción; pero é seguro que recuperará vostede a totalidade da memoria no mesmo intre no que lle sexa reimplantada a cabeza. Deste xeito evitamos os numerosos problemas que..., sen lugar a dúbidas, se orixinarían de ter operado ó xeito tradicional. Foi un verdadeiro milagre que o cerebro no resultase danado; un auténtico milagre, si”.


   O anaco de parede que se atopaba detrás do meu leito, presentaba todo o aspecto dunha grande computadora, na que penetraban o que ahora distinguía como delgadas mangueiras, cables e resortes, que se axitaban frenéticamente.
-“¿Eso é o meu cerebro actual?”, conseguín preguntar.
-“Se vostede desexa denominalo así...”.
-“Pero eu... eu estouno vendo a vostede”, dixen, confuso e abatido. “E estouno ouvindo, e estoulle falando...” (a voz á miña espalda).
-“Esto conseguiuse por medio dun olo-transportador Wilder de imaxe e son; un sofisticado inxenio destinado a proporcionar unha noción polidimensional do entorno. En canto á voz... esta require dun procedimento... máis complexo, polo que, dada a premura da operación, decidimos prescindir deste detalle; prégolle que teña paciencia ó respecto”.
De súpeto recordéi ó meu compañeiro:
-“¿E el?”, preguntei, “¿que fai aí?, ¡ten a miña cara!”
-“Trátase dunha imaxe creada artificialmente a modo de espello. Unha moderna terapia para contrarrestar o shock inicial”.
-“¿Quer dicir que se trata da miña propia imaxe?”
El contestou cun xesto afirmativo, arqueando as cellas significativamente.
-“Pero... ¿e vostedes...?, vostedes non se reflexan”.
-“Perfecto, sinxelamente perfecto”. Dixo extasiado, marcando enfaticamente cada unha das sílabas.
-“Ademais, el incorporouse no leito máis tarde ca min”, insistín.
-“¿Ah, sí? ...”. Pareceu reflexionar. “Posiblemente algún desaxuste no sincronizador de imaxe. Enfermeira, avise que envíen a alguén de mantemento.”


   Unha forte sensación de abandono e impotencia foise apoderando de todo o meu ser ata provocarme unha dor de testa que ía en aumento por momentos: levantei a man instintivamente, e de novo me sobresaltou o vacío sobre os meus ombreiros. Axiteime con sumo desasosego e sentín inmensas ganas de chorar, pero as bágoas no chegaron a se materializar. Levantei a ollada e sorprendín a do doctor parada nalgún punto perdido, onde el maxinaba que debían estar os meus ollos.
-“Doctor, a frecuencia cardíaca está aumentando perigosamente”. Observou a enfermeira, deixando precipitadamente a un lado o block de notas e manipulando botóns na computadora.
Deixeime caer de costas no leito, abatido.
-“Desmaiouse”. Eu non fixen ren para sacalos do seu erro, de momento parecían carecer do medio para descubrilo.
-“Enfermeira, adminístrelle un somnífero antes de que recobre o coñecemento”.
-“De seguida, doctor. Irei por el”. A enfermeira alonxouse pasillo abaixo ata franquear a porta. O doctor xirou sobre os seus talóns e dirixiuse cara a imaxe do espello imaxinario... ¿Espello? ¡Estaba falando coa miña imaxe!
-“¿Non cre, doctor que merezo una explicación?”. Dixo o meu dobre con marcada impaciencia nas suas palabras.
-“Comprobada a súa evolución clínica, non vexo que haxa o menor inconveniente:... Atópase vostede en posesión dunha personalidade completamente diferente á súa primitiva, gracias ó espléndido traballo realizado polos nosos eminentes científicos, que conseguiron levar a termo con total éxito o transplante da cabeza do seu compañero de viaxe...”


   ...Non podo prercisar canto durou o silencio que seguiu ás últimas verbas do doctor; foi como se o tempo se tivese parado, como se o silencio cobrase vida e penetrase coma unha serpe ata o máis fondo das miñas células...
Ó fin, o meu dobre arrancou con voz ronca e entrecortada:
-“¿Está vostede... intentando dicirme que... ese, é o meu corpo..., sen min?”
-“Exacto; anque en realidade, se temos en conta a perfecta adaptación neural, linfática e demáis, podemos considerar a súa testa e o seu actual corpo como un todo xa indisociable”.
Un suor frío comezou a recorrer o meu corpo.
-“Pero esto é... é...”. Comezou a dicir o meu dobre con irrefrenable irritación.
-“Dese por satisfeito, amigo meu”, cortou secamente o director, elevando o ton de voz por primeira vez. “A súa testa, incluído o seu cerebro, quedaron totalmente destrozados, a causa do impacto das dúas vagonetas, sendo de todo impensable unha posible recuperación. As dúas cabezas ficaron seccionadas, e, de non ser por nós, ahora serían vostedes simples cadáveres, nun conxelador da morgue. O feito de posuir un corpo ou outro é absolutamente irrelevante; en definitiva, o noso cerebro é o que condiciona a nosa consciencia de ente diferente.
O que pretendiamos comprobar eran precisamente as posibles incompatibilidades que poideran ter xurdido a raíz dun transplante deste tipo. Ten vostede sorte de poder ver a luz do sol cos seus propios ollos.”
-“¿E el?, ¿Que pasa con el?. O do seu cerebro, entón, é pura farsa.”
-“Por suposto é artificial; un vexetal animado artificialmente. En realidade toda a computadora é o seu cerebro. Os nosos coñecementos actuais non nos permiten aínda condensar esa gran mole sobre os seus ombreiros e darlle apariencia humana. Haberá que agardar. Mentras, non podemos arriscarnos a pólo ó corrente da verdadeira realidade, podería complicar as cosas en grande medida.”


   Comecei a sentir algo parecido a unha náusea e ganas de vomitar, no intre en que ouvín os pasos da enfermeira acercándose co somnífero. O meu corazón latía cunha forza tal, que eu mesmo podía ouvilo. Dalgunha parte da computadora saía unha respiración axitada como se fose outro quen a provocase.
-“¡Está espertando, doctor!”. Informou nerviosamente a enfermeira.
-“¡Pronto, o somnífero!”.
Notei como a agulla se cravaba no meu brazo, ó tempo que, fóra de min, me incorporaba no leito, emitindo un alarido que se foi perdendo en lonxanos ecos. Foi así como, empapado en suor, emerxín violentamente do que semellaba ter sido un arrepiante soño, e atopeime, de súpeto, semi-incorporado nunha das numerosas camas dunha grande habitación de hospital.




 


Publicado na revista Alborada (CGB) en decembro de 2004

Hiroshi Kobayashi na viaxe sen retorno



Hiroshi Kobaiashi

  Buscando en Google o nome dun vello amigo a quen había tempo que non vía, quizais coa intención de convidalo a esta rede, atopeime de xeito brutal e inesperado coa noticia da súa morte

  Hiroshi Kobaiashi (Kei pra os amigos) estivo comigo dende os meus comezos en Barcelona; ás duras e ás maduras, en grandes auditorios ou en pequenos centros cívicos, cando se cobraba e cando non.
Participou activamente, como frautista, no álbum Expreso Estrella durante horas e horas de complexa gravación.

  Xeneroso, leal, hospitalario, simpático, sensible; metódico, perfeccionista, profesional, esixente... son alguns dos apelativos que se me ocorren pra me referir a iste ser tan especial, e aínda me quedo curto.

  Hiroshi Kobayashi foi un dos poucos músicos, entre os moitos que coñezo, capaz de transportar a primeira vista calquera partitura, por difícil que esta fora, a calquera tonalidade. Traballar con el era un auténtico privilexio.

Vai por ti, amigo, alá onde queira que esteas.

Concerto no Teatre de l'Aliança de Poble Nou (Barcelona)
Preparando os trastos antes de abrir o telón.
Marzo de 1987. 

Concerto en La Cova del Drac (Barcelona), pra Radio 3 (RNE)
Decembro de 1984 

NOTA:
(*) Artigo publicado en Netlog o día 20 de xaneiro de 2011 e trasladado posteriormente a esta ubicación actual.

quinta-feira, 7 de julho de 2011

Día da Música Galega, antecedentes

Artigo publicado en Netlog o día 20 de xaneiro del 2011 e trasladado posteriormente a esta ubicación actual.


  Ó fío do comentado no Muro de Facebook de Xosé Aldea (Ouvirmos) referente á suxerencia de pór en marcha una efeméride con periodicidad anual dedicada á música galega, semellante á actual conmemoración do Día das Letras, quixera aportar uns datos que posiblemente tivesen pasado desapercibidos no seu momento pra moitos dos que ahora me poden ler grazas ós actuais recursos tecnolóxicos.

  O que apunto no muro do amigo Aldea non é unha idea improvisada, antes ben constitúe unha teima na que vimos insistindo dende hai tempo.

  No ano 1998 tivo lugar no ahora denominado Edifici Històric, da Universitat de Barcelona (UB), a Conmemoración do Día das Letras Galegas, evento que se viña celebrando de xeito tradicional co respaldo da Àrea de Filologies Gallega i Portuguesa e sobre todo, xusto é dicilo, grazas á man do profesor Camilo Fdez. Valdehorras.

  Naquela edición a festividade estivo dedicada á poesía galega medieval. Entre os diversos actos que se levaron a termo, habemos salientar, por estar directamente relacionado co tema que nos ocupa, a interpretación de diversas cantigas dos troveiros Martín Codax, Xoán de Cangas e Meendinho, por parte do Coro Universitario Galego de Barcelona (CUGAB).
Adxunto copia da portada do libreto de man editado no seu momento, esí como da páxina na que se menciona a necesidade dun "Día da Música Galega".



  Esta non era a primeira vez que o CUGAB interviña na celebración das Letras, de feito víñao facendo de xeito ininterrumpido dende o seu debut, en maio de 1993; pero foi a primeira vez, debido á doble vertente poético-musical dos homenaxeados, que as dúas artes converxían en igualdade de direitos.

  Un ano dispois, 1999, as Letras Galegas homenaxeaban a Roberto Blanco Torres. Pero ademáis, os amantes da música contábamos cunha efeméride de excepción: o centenario do pasamento de Xoán Montes Capón, compositor senlleiro, autor entre outras da magnífica Negra Sombra.
Foi entón cando valoramos a posibilidade de instituir de xeito estable o "Día das Letras e a Música Galegas" na UB, anque debido a certos escollos de protocolo non foi posible adoptar tal denominación, polo que finalmente optouse por "Xª Conmemoración das Letras Galegas na Universitat de Barcelona. Homenaxe ó escritor Roberto Blanco Torres, no centenario do músico Xoan Montes", tal como consta no programa de man do que adxunto copia.

  Dende comezos daquel ano 99 empezamos a movérmonos polo intrincado entramado institucional coa idea de conseguir axudas específicas prá organización do devandito Día da Música, que en principio debía ter dous pilares: o acto anual da UB, e outro acontecemento que había dous anos que se viña a celebrar e que, a pesar da continua obstaculización por parte da Federación de Entidades Culturais Galegas de Catalunya, comenzaba a enraizar de xeito firme na colonia galega: a Xuntanza de Coros Galegos de Catalunya. A intención era conseguir que a idea callase e se fosen engadindo novos eventos, sen descartar que o "Día" poidese acabar por transformarse en "Semana", ou mesmo en "Mes".

  O resultado da nosa incursión foi verdadeiramente desolador. Dificilmente atopamos un funcionario por entre os despachos da Xunta de Galicia que nos informase, xa non se en Galicia se estaba a artellar algún tipo de evento relacionado co centenario do pasamento do noso máis famoso compositor, senón simplemente que soubese quén era o propio Xoán Montes. (1)
Ó final, dispois de tódalas xestións, conseguimos que o Concello de Lugo (cidade natal de Montes) nos enviase amablemente oito libriños dedicados ó compositor, que eles gardaban en arquivo.

  Pero, gracias á xenerosidade duns, contra a vontade doutros e lixeiramente maquillado, o evento saíu adiante.
Tal como consta no programa adxunto, correspondente ó acto levado a termo no Paraninfo da UB, artellouse a interpretación das Seis Baladas pra Canto e Piano do compositor, executadas por diversos solistas e pianistas relacionados co ámbito coral galego de Catalunya.
A balada Negra Sombra interpretouse en versión pra coro e barítono solista. A parte coral correu a cargo do recén formado Coro de Irmandade de Catalunya (2), sendo o barítono Francisco Kraus (3) responsable do rol de solista.
A continuación o CUGAB executaría unha serie de obras correspondentes á Misa de Requiem de Montes, con acompañamento de piano e baixo continuo, e rematouse o acto coa interpretación conxunta do Himno Galego.

Coro de Irmandade de Catalunya.
Paraninfo da UB, maio de 1999
  O programa de man incorporaba ademáis unha minuciosa semblanza do compositor e o espírito da Galicia coral. Debido á súa extensión, únicamente reproducimos a parte final do artigo.


  Tamén se volvía insistir (resaltado en verde) na necesidade de instituír, a nivel de toda Galicia, un Día da Música Galega

 

NOTAS:
(1) Feito real que poderia parecer un chiste se non fose porque lle pasou a un servidor:
- "Isabel, tengo un chico al teléfono que pregunta por Juan Montes. Tú sabes si es de este departamento?";
- "Ay, a mi no te me suena de nada. ¿y qué dice, que trabaja aquí?" (…)

(2) O Coro de Irmandade de Catalunya, integrado por coristas seleccionados entre os diversos coros galegos do país catalán, realizou a súa presentación oficial coa interpretación da obra Negra Sombra como peche da II Xuntanza de Coros Galegos de Catalunya, en abril de 1998, no auditorio do colexio dos Salesianos de Caspe, en Barcelona. O solista naquela ocasión fora tamén o barítono Francisco Kraus (irmán do tenor Alfredo Kraus).

(3) D. Francisco Kraus era naquel momento o profesor de técnica vocal do Coro Universitario Galego, e accedeu amablemente (e de xeito inmediato) á nosa petición de que interpretase a fermosa obra de Montes xunto ó Coro de Irmandade.