quinta-feira, 19 de novembro de 2015

Ósmose de ánimas xemelgas apreixada no círculo da ausencia

Ir a blog en español ···>


Tódolos días son onte, cando, sen présa, donos do tempo, debullabamos a ansiedade na ósmose da tarde ata dar coas palabras que encaixaran no proxecto común da conversa compartida, mentres os instantes se escurrían en ringleira entre as copas de licor serodio; cando non nos importaba gardar, tralos risos, as outras palabras, as incómodas, á espera dun intre propicio indefinido.

Pero hoxe... hoxe volve ser onte, e desenvolvo as palabras proscritas gardadas nun hatillo; coféoas e busco escoitalas unha vez e máis outra, isolado no círculo da imposibilidade e da evidencia, sumido na perplexidade da ausencia.

Hoxe é onte, sempre e pra sempre ha ser onte; e as palabras, onte impronunciadas, fican pra sempre apreixadas no hatillo dun tempo perdido, coma tesouros sen dono; ise é o merecido castigo que tento amainar co incerto pracer da nostalxia, no angostamento infindo da tarde.


Sem comentários: