quinta-feira, 14 de julho de 2011

A respiración durante o canto (I)

Ver este artículo en español  ···>

·
por César del Caño
·

A respiración (inspiración) durante o canto, se a pasaxe o permite, dende o meu punto de vista deberíase realizar polo nariz, co queixo (barbela) absolutamente mórbido, mentres a parte posterior da lingua tapona con suavidade a entrada da cavidade farínxea.

Evidentemente valoro e respecto na súa medida os métodos das inspiracións nasal (con boca pechada) e bucal (con boca aberta).

No relativo á primeira, a inspiración nasal, posúe ó seu favor o feito de que nos predispón para unha toma de consciencia dos resoadores paranasais; pero, ó meu modo de ver ten o inconveniente de contribuír ó tensionamento da mandíbula xusto no intre preciso que deberiamos aproveitar pra preparar a relaxación de todo o seu entramado muscular.

Polo que respecta á segunda, a inspiración bucal, posúe a vantaxe da súa rapidez e capacidade de conseguir máis cantidade de aire nun curto espazo de tempo; pero, na miña opinión, este tipo de inspiración vai contra natura; explícome: o laboratorio que filtra o aire, privándoo do posible frío exterior, po e potenciais axentes nocivos, atópase no nariz; é por esto que considero que a realización da inspiración bucal de xeito reiterado expón ó noso aparello respiratorio a un perigo real que os profesionais do canto non nos podemos permitir.

No que se refire a este punto hai tantas teorías como profesores. Non é a miña vontade debatir ni rebatir, a única intención do anteriormente exposto é intentar axudar ó principiante, convencido da súa efectividade contrastada en base a horas e horas de estudio metódico. En todo caso ha ser o propio alumno quen, despois dun traballo pormenorizado baixo vixilancia, valore a viabilidade do recurso.

Sem comentários: