quarta-feira, 28 de março de 2012

Juan

Ir a blog en español ···>

Juan é un poeta de sensacións, un pescador de verbas, só que pasen éstas ó alcance da súa antena... atenta: coller, pegar... coller, pegar... e, de cando en vez, só de cando en vez, unha idea concreta, ¡que pracer entón! nises intres un sinte a reconfortante compañía da autenticidade; pero logo, volve á súa teima, case esquizoide, da pesca literaria, alá na súa illa recóndita, nos límites do autismo; capitán da súa nao, tripulada por fantasmas, algúns, que só il ve; Quixote sen causa...

Juan é un tolo entre bambolinas, un soñador obstinado, solidamente anclado a un fondo marino de pura realidade; suxeito, como se nada, a un sutil fío de cometa.

Dalgún xeito consegue facer nacer flores no seu embigo, epicentro dise paraíso, que estende as súas fronteiras máis alá, moito máis alá, do que a vista alcanza, en busca de aire puro, tal vez á procura da luz que lle foi negada á primeira semente botada nesa terra erdada xa nos anos da penuria; unha semente tosca, quizais caída por casualidade nunha sórdida noite preñada de paixón acelerada, algo de alcohol e, tal vez, unha chisca de tenrura, regada por milleiros de ínfimas gotiñas de suor, arquexos de cansancio antigo e pracer prohibido; e poida que algún asomo de orgasmo inconfesable, poida que algún.

Cóntanos historias remotas, ecos que veñen do alén, invisibles frores que conseguen arraizar na vulgar cotidianidade dun foráneo campo de golf; e il, feliz, xesto impasible de sorriso retranqueiro, medio sinceiro medio burlón, pilota airoso a súa máquina cortacéspede, sorriso eiquí, saúdo alá, á conquista da súa liberdade, mantendo a raia un verde manto de herbas con pedigrí, xardín alleo; telón de fondo do seu caótico paraíso... mapoulas no lodo.

Pero, no medio desa especie de aséptico xardín asexuado, érguese, rosal incuestionable, a voz dun poeta.



Barcelona, 2004

Sem comentários: