quinta-feira, 7 de julho de 2011

Día da Música Galega, antecedentes

Artigo publicado en Netlog o día 20 de xaneiro del 2011 e trasladado posteriormente a esta ubicación actual.


  Ó fío do comentado no Muro de Facebook de Xosé Aldea (Ouvirmos) referente á suxerencia de pór en marcha una efeméride con periodicidad anual dedicada á música galega, semellante á actual conmemoración do Día das Letras, quixera aportar uns datos que posiblemente tivesen pasado desapercibidos no seu momento pra moitos dos que ahora me poden ler grazas ós actuais recursos tecnolóxicos.

  O que apunto no muro do amigo Aldea non é unha idea improvisada, antes ben constitúe unha teima na que vimos insistindo dende hai tempo.

  No ano 1998 tivo lugar no ahora denominado Edifici Històric, da Universitat de Barcelona (UB), a Conmemoración do Día das Letras Galegas, evento que se viña celebrando de xeito tradicional co respaldo da Àrea de Filologies Gallega i Portuguesa e sobre todo, xusto é dicilo, grazas á man do profesor Camilo Fdez. Valdehorras.

  Naquela edición a festividade estivo dedicada á poesía galega medieval. Entre os diversos actos que se levaron a termo, habemos salientar, por estar directamente relacionado co tema que nos ocupa, a interpretación de diversas cantigas dos troveiros Martín Codax, Xoán de Cangas e Meendinho, por parte do Coro Universitario Galego de Barcelona (CUGAB).
Adxunto copia da portada do libreto de man editado no seu momento, esí como da páxina na que se menciona a necesidade dun "Día da Música Galega".



  Esta non era a primeira vez que o CUGAB interviña na celebración das Letras, de feito víñao facendo de xeito ininterrumpido dende o seu debut, en maio de 1993; pero foi a primeira vez, debido á doble vertente poético-musical dos homenaxeados, que as dúas artes converxían en igualdade de direitos.

  Un ano dispois, 1999, as Letras Galegas homenaxeaban a Roberto Blanco Torres. Pero ademáis, os amantes da música contábamos cunha efeméride de excepción: o centenario do pasamento de Xoán Montes Capón, compositor senlleiro, autor entre outras da magnífica Negra Sombra.
Foi entón cando valoramos a posibilidade de instituir de xeito estable o "Día das Letras e a Música Galegas" na UB, anque debido a certos escollos de protocolo non foi posible adoptar tal denominación, polo que finalmente optouse por "Xª Conmemoración das Letras Galegas na Universitat de Barcelona. Homenaxe ó escritor Roberto Blanco Torres, no centenario do músico Xoan Montes", tal como consta no programa de man do que adxunto copia.

  Dende comezos daquel ano 99 empezamos a movérmonos polo intrincado entramado institucional coa idea de conseguir axudas específicas prá organización do devandito Día da Música, que en principio debía ter dous pilares: o acto anual da UB, e outro acontecemento que había dous anos que se viña a celebrar e que, a pesar da continua obstaculización por parte da Federación de Entidades Culturais Galegas de Catalunya, comenzaba a enraizar de xeito firme na colonia galega: a Xuntanza de Coros Galegos de Catalunya. A intención era conseguir que a idea callase e se fosen engadindo novos eventos, sen descartar que o "Día" poidese acabar por transformarse en "Semana", ou mesmo en "Mes".

  O resultado da nosa incursión foi verdadeiramente desolador. Dificilmente atopamos un funcionario por entre os despachos da Xunta de Galicia que nos informase, xa non se en Galicia se estaba a artellar algún tipo de evento relacionado co centenario do pasamento do noso máis famoso compositor, senón simplemente que soubese quén era o propio Xoán Montes. (1)
Ó final, dispois de tódalas xestións, conseguimos que o Concello de Lugo (cidade natal de Montes) nos enviase amablemente oito libriños dedicados ó compositor, que eles gardaban en arquivo.

  Pero, gracias á xenerosidade duns, contra a vontade doutros e lixeiramente maquillado, o evento saíu adiante.
Tal como consta no programa adxunto, correspondente ó acto levado a termo no Paraninfo da UB, artellouse a interpretación das Seis Baladas pra Canto e Piano do compositor, executadas por diversos solistas e pianistas relacionados co ámbito coral galego de Catalunya.
A balada Negra Sombra interpretouse en versión pra coro e barítono solista. A parte coral correu a cargo do recén formado Coro de Irmandade de Catalunya (2), sendo o barítono Francisco Kraus (3) responsable do rol de solista.
A continuación o CUGAB executaría unha serie de obras correspondentes á Misa de Requiem de Montes, con acompañamento de piano e baixo continuo, e rematouse o acto coa interpretación conxunta do Himno Galego.

Coro de Irmandade de Catalunya.
Paraninfo da UB, maio de 1999
  O programa de man incorporaba ademáis unha minuciosa semblanza do compositor e o espírito da Galicia coral. Debido á súa extensión, únicamente reproducimos a parte final do artigo.


  Tamén se volvía insistir (resaltado en verde) na necesidade de instituír, a nivel de toda Galicia, un Día da Música Galega

 

NOTAS:
(1) Feito real que poderia parecer un chiste se non fose porque lle pasou a un servidor:
- "Isabel, tengo un chico al teléfono que pregunta por Juan Montes. Tú sabes si es de este departamento?";
- "Ay, a mi no te me suena de nada. ¿y qué dice, que trabaja aquí?" (…)

(2) O Coro de Irmandade de Catalunya, integrado por coristas seleccionados entre os diversos coros galegos do país catalán, realizou a súa presentación oficial coa interpretación da obra Negra Sombra como peche da II Xuntanza de Coros Galegos de Catalunya, en abril de 1998, no auditorio do colexio dos Salesianos de Caspe, en Barcelona. O solista naquela ocasión fora tamén o barítono Francisco Kraus (irmán do tenor Alfredo Kraus).

(3) D. Francisco Kraus era naquel momento o profesor de técnica vocal do Coro Universitario Galego, e accedeu amablemente (e de xeito inmediato) á nosa petición de que interpretase a fermosa obra de Montes xunto ó Coro de Irmandade.


Sem comentários: